Friday 13 de September de 2024

Ribeira pon en valor o traballo das mulleres no mar


O Concello de Ribeira conmemorou o Día Internacional da Muller no Sector Marítimo rendendo unha homenaxe a tres mulleres extraordinarias que dedicaron as súas vidas a unha profesión fundamental para a nosa comunidade: o marisqueo.

O concelleiro de Mar, Fernando Abraldes, foi o encargado de abrir o acto poñendo en valor traxectoria de Elena Rodríguez, Ángeles Betanzos e Julia Noya das confrarías de Aguiño, Palmeira e Ribeira respectivamente.

Na súa intervención explicou que son as mulleres con máis anos en activo de cadansúa confraría. “Estas mulleres traballaron e seguen a traballar facendo posible que hoxe poidamos dicir con orgullo que Ribeira é mar e posuímos un sector moi forte. Hoxe dicimos que temos un dos portos de baixura máis importantes de Europa e tamén é grazas á contribución das mulleres” explicou Abraldes.

O alcalde, Luís Pérez Barral, aseverou que en Ribeira, onde o mar é unha parte vital da nosa identidade e estas mulleres traballaron incansablemente, a miúdo enfrontando condicións adversas, para mariscar dunha maneira que respecta e preserva o noso medio ambiente. “O seu labor non só garante a calidade e o prestixio dos nosos produtos do mar, senón que asegura que esta tradición se manteña viva para as futuras xeracións”.

Pola súa banda, as homemaxeadas agradeceron o recoñecemento e contaron as dificultades que afrontaron dende que comezaron a mariscar ou como loitaron para puideran ter os mesmos topes que os seus compañeiros homes. Mostraron a súa preocupación polos riscos actuais como pode ser a falta de produtividade nas rías ás que lle hai que buscar solucións ou as ameazas de proxectos contaminantes como pode ser a megacelulosa de Altri.

Dende o Concello aseguran que facer esta homenaxe é un paso adiante cara á igualdade, sobre todo nun sector onde a visibilidade e o recoñecemento a miúdo non corresponde á importancia do traballo realizado, por iso é esencial destacar o papel destas mulleres. Non só son traballadoras, senón tamén líderes, modelos a seguir e piar fundamental das nosas familias e sociedades. “Con este acto de recoñecemento, celebramos non só os seus logros individuais, senón tamén a importancia crucial das mulleres no sector do mar en Galiza”.